Sara de Matos, Avogada

Seguridade Social · Incapacidade permanente

Fibromialxia e incapacidade permanente: que documentación necesito para solicitar o seu recoñecemento?

Fibromialxia e incapacidade permanente: que documentación necesito para solicitar o seu recoñecemento?

Como ben sabedes, hai unha semana tivemos a oportunidade de celebrar unha charla aberta a toda a veciñanza no Concello de Moaña, organizada por AFIMO (Asociación de Persoas Afectadas de Fibromialxia do Morrazo).

Durante o encontro abordamos cuestións fundamentais relacionadas coa fibromialxia e o seu recoñecemento no ámbito da incapacidade laboral: por que resulta tan complicado acreditar o seu impacto funcional, que documentación médica é recomendable achegar, requisitos de cotización e afiliación, cales son os distintos graos de incapacidade permanente e como debemos actuar cando a nosa solicitude é denegada.

Un dos aspectos que xerou máis dúbidas durante a quenda de preguntas foi precisamente que documentación necesitamos para estudar a viabilidade dunha solicitude de incapacidade permanente e iniciar o correspondente procedemento.

Por este motivo, anímome a dedicar esta publicación a explicar, de maneira práctica e detallada, que documentación convén recompilar e que aspectos debemos ter en conta.

1. Unha cuestión previa: a importancia da documentación médica

Cando falamos de fibromialxia e incapacidade permanente, debemos ter presente que non abonda con acreditar a existencia da enfermidade ou achegar un diagnóstico médico.

O verdadeiramente importante é demostrar como afecta a enfermidade á persoa, cal é a súa evolución, que tratamentos se realizaron, cal foi a resposta a estes e, sobre todo, que limitacións funcionais provoca e como repercuten no desenvolvemento da súa profesión habitual ou de calquera actividade laboral.

Por iso, é recomendable que os informes médicos sexan o máis completos, actualizados e específicos posible.

Sempre que sexa viable, é preferible contar con informes asinados por profesionais dos servizos sanitarios públicos, especialmente polos especialistas que realizan o seguimento da enfermidade.

Non obstante, sabemos que as listas de espera poden dificultar ou mesmo impedir o acceso a determinadas consultas especializadas nun prazo razoable.

Nestes casos, tamén podemos recorrer a informes emitidos por profesionais da sanidade privada. Agora ben, considero especialmente recomendable acreditar documentalmente por que foi necesario acudir a estes servizos, achegando, por exemplo:

  • Xustificantes de inclusión nas listas de espera.
  • Documentos que acrediten as datas de solicitude das consultas ou probas médicas.
  • Reclamacións presentadas ante o correspondente servizo sanitario.
  • Respostas recibidas ou calquera outra documentación que permita demostrar a demora asistencial.

Deste xeito, poderemos xustificar a necesidade de acudir á sanidade privada e complementar a documentación médica dispoñible.

2. Documentación necesaria para estudar a solicitude de incapacidade permanente

  • Documento Nacional de Identidade (DNI): fotocopia polas dúas caras.
  • Informe de vida laboral actualizado: pódese obter a través deste enlace.
  • Informe de bases de cotización: dispoñible a través deste enlace.
  • Contrato de traballo ou documentación acreditativa da actividade profesional.
  • Certificado de empresa no que se describan detalladamente as funcións que se realizan no posto de traballo. Podes solicitalo no departamento de Recursos Humanos ou incluso ante a Administración da propia empresa.
  • Recoñecemento administrativo do grao de discapacidade, se existe.
  • Resolucións anteriores relacionadas coa incapacidade, tanto na vía administrativa como na xudicial, se as houbera.
  • Partes de baixa médica e de confirmación da baixa, se existen.
  • Se procede, parte do accidente de traballo ou expediente de enfermidade profesional.
  • Informe de Reumatoloxía. É recomendable contar cun informe actualizado que recolla:
    • Diagnóstico reumatolóxico segundo os criterios do ACR, cun índice WPI igual ou superior a 7 e unha puntuación SS igual ou superior a 5; grao clínico III-IV.
    • Cuestionario FIQ (Fibromyalgia Impact Questionnaire) que permita demostrar a cronicidade da enfermidade e o seu empeoramento progresivo.
    • Evolución da enfermidade e antigüidade dos síntomas.
    • Intensidade e distribución da dor.
    • Fatiga persistente e problemas asociados.
    • Tratamentos realizados e resposta aos mesmos.
    • Repercusión da enfermidade na capacidade funcional.
  • Informes de Psiquiatría ou Psicoloxía Clínica, se existen problemas de saúde mental asociados, que acrediten a presenza de comorbilidade afectiva, como depresión maior recorrente ou crónica, e non unicamente un trastorno adaptativo.
  • Avaliacións neuropsicolóxicas, se existen dificultades de memoria, atención ou concentración, para documentar o deterioro cognitivo e a fatigabilidade mental.
  • Informes das unidades da dor, que describan os tratamentos realizados e a súa eficacia.
  • Informes de Rehabilitación, que describan os tratamentos realizados, as sesións e a súa eficacia.
  • Polisomnografía, se existe un trastorno grave do sono.
  • Analíticas e outras probas complementarias para descartar outras patoloxías, cando exista unha sospeita clínica que xustifique a súa realización.
  • Historial dos tratamentos recibidos, no que se especifique:
    • Que tratamentos resultaron eficaces e cales non.
    • Os efectos secundarios relevantes.

Como xa expliquei na charla, unha das maiores dificultades nos procedementos de incapacidade permanente relacionados coa fibromialxia é demostrar o impacto funcional real da enfermidade.

Por iso, é recomendable contar con informes médicos que describan de maneira concreta as limitacións que presenta a persoa afectada, tanto na súa vida diaria como no ámbito laboral.

Entre outras, poden existir dificultades para:

  • Permanecer de pé ou sentada durante períodos prolongados.
  • Levantar ou transportar pesos.
  • Realizar movementos repetitivos.
  • Manter posturas determinadas.

Necesitas asesoramento? Podemos estudar o teu caso.

Se tes dúbidas, escríbeme. Estudarei o teu caso de maneira totalmente personalizada, revisarei contigo toda a documentación necesaria e explicareiche, con total sinceridade e transparencia, se reúnes os requisitos para solicitar o recoñecemento dunha incapacidade permanente.

E non te preocupes polos honorarios. O meu obxectivo é axudarche e facilitarche o acceso ao asesoramento xurídico que necesitas. Por iso, contarás con todas as facilidades de pagamento posibles, para que o aspecto económico non se converta nun obstáculo.

Porque mereces que a túa situación sexa escoitada, valorada e defendida con rigor.

Pedir consulta WhatsApp ›

‹ Volver ao blog

Cóntame o teu caso

A primeira consulta é gratuíta e sen compromiso, e con todas as facilidades de pagamento posibles. Escríbeme ou chámame e miramos xuntos que se pode facer.

Colaboracións